Asentamentos Precarios da Coruña

O Portiño

O Campanario é un barrio formado por vivendas de titularidade municipal que se sitúa no extremo noroeste do termo municipal, illado do resto da cidade. Nel destaca un forte contraste entre a súa vitalidade e a precariedade das condicións en que a vida se desenvolve, con evidentes carencias tanto a nivel de espazo público e servizos como de vivenda.

A súa orixe remóntase ao ano 62 coa construción por parte da administración, nuns terreos particulares cedidos para causas sociais, dunha serie de barracas para o realoxo das persoas sen recursos da cidade nunha zona afastada da mesma, sen ningún tipo de equipamento ou urbanización. En fases posteriores a través da xestión do Padre Villa co apoio de Cáritas, o barrio aumentou con dous bloques de vivendas e un centro comunitario. Máis adiante xurdiron de xeito informal unha serie de vivendas que permanecen ata o día de hoxe, pero se atopan en condicións moi precarias.

No 2009 e dentro dunha iniciativa promovida polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia chamada “A Cidade dos barrios”, o colectivo de arquitectos Desescribir realizou un obradoiro no barrio do Campanario no que plantexaban incentivar o movemento veciñal e a cohesión social no barrio, co fin de exercer unha cidadanía activa e consciente para ser quen de transformar o entorno no que se vive. O proceso de difusión pública empregouse para sacar á luz tanto a existencia do barrio como as súas carencias e deficiencias, que deben ser coñecidas por toda a sociedade para poder ser abordadas.

A raíz da difusión e o proceso de denuncia activado polo obradoiro participativo no barrio do Campanario, a Concellería de Rehabilitación do Concello da Coruña encargou a este mesmo colectivo un novo obradoiro coas veciñas e veciños do barrio, para mellorar as súas vivendas que se atopaban nunhas condicións moi precarias, tanto a nivel de saúde como de seguridade. Por mor do limitado do orzamento dispoñible, establecéronse categorías de intervención de maior a menor urxencia: seguridade dos ocupantes, salubridade, confort e intervencións xerais. Elaborouse un plan de actuación, consensuado coa veciñanza, que foi aprobado polo Concello. O obradoiro alternou os procesos formativos, contando con profesionais dos distintos ámbitos, coa realización dos traballos por parte das e dos habitantes do barrio. O resumo das actuacións foi o seguinte: 28 instalacións eléctricas renovadas, máis de 1900 m2 de cuberta illada e impermeabilizada, traballos varios de albanelería e fontanería, e 101 xanelas substituídas.

Por mor dos danos causados nas vivendas no incendio sufrido no entorno do barrio e os seus límites no verán de 2011, o Concello firmou un convenio para a concesión dun diñeiro para a execución dunhas obras de mellora xestionadas a través da Fundación Secretariado Xitano.